Monday 13 de May de 2024

O Concello e a Universidade da Coruña avanzan no desenvolvemento da Cidade das Tics


O Goberno local, representantes dos grupos municipais e o reitor analizaron na comisión informativa a evolución do proxecto e os pasos dados para facer realidade esta iniciativa tecnolóxica
O concello ratificou esta mañá durante a realización dunha comisión informativa en María Pita o seu compromiso co proxecto “Cidade das Tics”, a través de distintos investimentos para o acondicionamento urbano que permitirá a correcta integración da infraestrutura da Fábrica de armas na cidade, así como o desenvolvemento de vías urbanas, transporte público e servizos básicos. De feito, os edificios que lindan coa avenida de Alfonso Molina serán destinados a servizos para a veciñanza. O concello, explicou a edila de Innovación e Industria, Eva Acón, traballa con todas as entidades implicadas para sacar adiante un proxecto vital para o sector empresarial, universitario e social da cidade.
Durante a comisión en que o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde informou os grupos políticos da evolución do proxecto, a concelleira reiteroulle ao reitor o apoio total do Goberno local no desenvolvemento dun proxecto que impulsará a chegada de novas iniciativas e xerará miles de postos de traballo directos e indirectos.
O reitor informou a todas as forzas políticas da subvención de 4,82 millóns de euros concedida polo Igape á Sociedade Xestora CSA para a posta en marcha do Centro de servizos avanzados. Para iso, está previsto que comece a rehabilitación do primeiro edificio da Fábrica de Armas, onde se habilitarán espazos para catro laboratorios onde se poderán realizar probas técnicas e demostracións de dispositivos intelixentes; para prestar servizos materiais; para aloxar empresas do sector que dean lugar a novos proxectos ou a novas empresas. Neste sentido, o reitor anuncioulles que no mes de setembro se convocará un concurso de ideas con fin de recuperar as naves e preparar eses espazos para os seus futuros usos. Os traballos arrincarán coa rehabilitación do edificio número 1, onde se situará
o Centro de servizos avanzados, e seguirán nos edificios 6 e 3.
Tamén se analizou a figura xurídica de carácter público (consorcio o fundación) que xestionará o desenvolvemento do proxecto e na que estarán incluídos o concello, a universidade e a deputación, así como a necesidade de avanzar na integración das empresas que xa manifestaron o seu interese en asentarse no centro tecnolóxico de Pedralonga.